segunda-feira, 26 de setembro de 2011

conferencia de Xosé Lois Sobrado Pérez - O VIÑEDO NA ÁREA DE PANTÓN NA IDADE MEDIA

Portada principal da igrexa Santo Estevo de Atán (Pantón), mosteiro ao que se refire o primeiro documento conservado sobre viñedo en Galicia, do ano 816.
* Notas miñas, reelaboradas un nada e ordenadas ao meu xeito, da conferencia de Xosé Lois Sobrado Pérez titulada "O viñedo na área de Pantón na Idade Media", impartida o 27 de maio de 2011 en Ferreira de Pantón, no marco da XXIV edición da Rota do Románico deste municipio.

Xosé Lois Sobrado Pérez - O VIÑEDO NA ÁREA DE PANTÓN NA IDADE MEDIA. Unha achega a traveso da documentación dos mosteiros (1200 - 1500).

- A zona das ribeiras de Cabe e Sil posúe un gran volume documental sobre o viñedo. Na Idade Media, a chamada Ribeira Sacra era unha paisaxe moi agraria (froita, viñedo, oliveiras...). Dábanse unhas condicións climáticas e xeolóxicas (zonas graníticas) moi favorables para o cultivo da vide.

- En Galicia temos aproximadamente uns 8.000 documentos medievais relacionados co viñedo. As ribeiras do Sil - do Barco á desembocadura no Miño - e o Ribeiro son as principais produtoras de viñedo na Galicia medieval, sendo zonas de menor produción Betanzos e Pontevedra; mesmo as comarcas costeiras lucenses chegaron a producir viño na Idade Media. 

- As cidades galegas (lémbrese que Monforte era unha das cidades importantes na Galicia medieval) son os principais puntos de consumo en Galicia do viño galego, que tamén se exportaba ás cidades da cornixa cantábrica, a Inglaterra e Francia, a través dos portos de Redondela, Baiona, A Coruña, Pontevedra e Noia. O viño era o produto que máis impostos recadaba nos concellos, o que evidencia a importancia do seu comercio: era o produto máis rentable na Idade Media.

Porta principal da igrexa de Pombeiro, mosteiro con importante documentación sobre o viñedo en época medieval.
- Os mosteiros foron grandes promotores do viñedo na Idade Media: eran os grandes posuidores de terreo de viñedo en Galicia. O primitivo monacato galego dotárase, mediante doazón e compra, de moitas terras en zonas produtivas de viñedo. Nos foros do s. XIV inclúese a obriga de plantar viñas nalgúns casos; moitos dos montes aforados debíanse roturar para plantar viñedos (s. XV), sobre todo a partir de 1420/30, tras a recuperación da crise económica de finais do s. XIV. A recuperación do viñedo no s. XV é xeral en toda Galicia: recuperáronse viñas abandonadas e recruouse monte para plantar viñedo. Da explotación directa dos mosteiros temos poucas referencias. O mordomo era un intermediario entre os mosteiros e os foreiros: el supervisaba o pago das rentas e a el había que pedir permiso para vendimar. As datas de pago do foro na Ribeira Sacra son San Martiño, San Miguel, Pascua, San Andrés ou San Vicente. O lugar de pago preferente, no caso do viño, é o lagar, recén exprimido o viño; págase no mosteiro escasas veces. Na documentación hai referencias a traballos da viña e recomendacións sobre cómo coidar o viñedo; os mosteiros preocúpanse porque o viñedo esixido sexa do "mellor", "viño bo". Hai unha gran variedade de medidas de capacidade na Ribeira Sacra (moio, cuartillo...). Na documentación hai referencias a ferramentas usadas no traballo da viña e aos animais usados como forza motriz. [Sobre todas estas cuestións, pódese consultar on-line o documentado artigo de José Antonio López Sabatell "Paisaje agrario y prácticas agrícolas en la Ribeira Sacra (Galicia) durante los siglos XIV y XV".] 

- O cabildo da Catedral de Lugo era un propietario importante de terreos na zona da Ribeira Sacra, especialmente en Pantón.

- O documento escrito máis antigo sobre a existencia de viñedo en Galicia é un documento do ano 816 sobre o mosteiro de Atán, localizado no Tombo Vello da Catedral de Lugo. Pombeiro é o mosteiro da zona que maior volume de documentación foral conserva.

- No sistema viario da Ribeira Sacra tiña gran importancia o transporte fluvial. Había barcas perto de San Tomé (Anllo, Sober), na que o barqueiro tiña que pasar de balde aos monxes de Santa Cristina, no porto de Papelle - do mosteiro de Pombeiro - ou en Entrambasaugas - do mosteiro de Santo Estevo -. Na Idade Media había unha importante economía fluvial: explotábase a pesca e a area do río.

Canzorro de Atán, interpretado coma un bebedor de viño e, recentemente, coma un músico do "dolium", por Pablo Carpintero.
- Os datos existentes non permiten determinar a cantidade de terreo adicada a viñedo na Idade Media no espazo da Ribeira Sacra; na documentación sobre produción agraria o viñedo acapara un 80% dos documentos. Nesta documentación hai moitas referencias a froitas, destacando as figueiras. Tamén é importante a documentación sobre os soutos, para a produción de castañas. Hai tamén abundantes referencias a monte (necesario para o viñedo: estrume, estacas...) e a oliveiras: esta foi unha zona produtora de aceite.

- Na Ribeira Sacra non hai referencias documentais sobre variedades de uva. 

NOTAS

* Pode consultarse documentación sobre o viñedo en Galicia no Museo Etnolóxico de Ribadavia, que logo pasará ao Museo do Viño de Galicia.