quinta-feira, 21 de janeiro de 2010

Os emires omeias de al-Andalus.

O emirato omeia de Córdoba é un espazo político musulmán na península Ibérica entre os anos 756 e 929, que abarcaba todo o territorio desta, excepto Galicia. Os límites entre ambas entidades político-xeográficas – Galicia e al-Andalus – estaban marcados polas serras de Aralar e Urbasa (sendo a zona vasca de Galicia), o río Douro, o Tormes e o Texo dende a desembocadura do Alagón ata a costa (pertencendo Satarém e Lisboa a al-Andalus).
Tras o dominio musulmán da península Ibérica entre o 711 – 716, favorecido pola descomposición do estado visigodo, no contexto da expansión da dinastía omeia de Damasco polo norte africano, configúrase no occidente europeo un espazo de poder islámico, al-Andalus, dependente do califato omeia, que basa o seu control do territorio no pacto ca aristocracia local (cristiá ou muladí) e no mantemento da estrutura eclesiástica como medio de control social, sendo os gobernadores musulmáns os xefes da Igrexa hispana. O emirato andalusí padece o problema do enfrontamento entre os grupos de conquistadores establecidos na península (bereberes, yemeníes e qaysíes; sirios dende 741) polo reparto de terras.
No ano 750 os omeias de Damasco son derrocados por unha revolta social e relixosa que provoca o ascenso dos abasís, clan rival. Os omeias fuxidos da matanza abasí, dirixidos por Abd al-Rahman, acoden a al-Andalus e, a través das antigas clientelas sirias dos omeias establecidas alí, pretenden que o príncipe omeia sexa recoñecido como emir andalusí polo gobernador de Zaragoza, al-Sumayl, da tribu dos qaysí; ante a negativa deste, os omeias rompen a alianza cos qaysís (tribos do norte de Arabia) e co apoio dos iemenís (tribos do sur de Arabia) proclaman emir en Córdoba a Abd al-Rhaman no ano 756. Este establecemento no occidente do Mediterráneo dun emirato independente do poder central do Islam, instalado en Bagdad dende 762, é posible pola incapacidade dos abasíes de intervir militarmente en al-Andalus ó carecer de bases seguras no norte de África, dominada polas tribus bereberes; mais, a independencia política non exclúe a relación comercial, relixiosa e cultural co oriente islámico, acentuada dende Abd al-Rahman II (822 – 852), co recoñecemento da independencia cordobesa por Bagdad.
O poder dos emires omeias en al-Andalus enfróntase cas resistencias ó centralismo cordobés nas zonas gobernadas por muladís (cristiáns convertidos ó Islam), relacionadas con conflictos sociais polo aumento dos impostos e o favoritismo dos omeia polos musulmáns inmigrados fronte ós hispanos conversos. En política exterior, al-Andalus establece alianzas con Bizancio, constatadas polo intercambio de embaixadas, con quen tén en común o inimigo abasí, e debe facer fronte á ameaza das incursións vikingas e ó control franco de Cataluña. As relacións con Galicia oscilan entre a colaboración e a aceptación da vasalaxe dos reis galegos con respecto a Córdoba e o enfrontamento, apoiando os galegos as revoltas muladís.

O primeiro emir cordobés independente, Abd al-Rhaman I (756 – 788), reorganiza o exército andalusí, confiando o seu mando a clientes omeias de probada fidelidade. Con este exército, base do seu poder, sofoca as rebelións de iemenís e qaysís, aliados agora ós abasís, dos anos 763, 766 e 774. Ademais, os bereberes jarichitas sublévanse contra Córdoba, dominando a zona entre o Texo e o Guadiana entre 766 e 776. No norte, Carlomagno, que entraba na península a petición do gobernador zaragozano Sulayman ibn al-Whahid, que pretendía formar unha coalición entre Barcelona, Huesca e Zaragoza contra Córdoba, é derrotado polos montañeses en Roncesvalles (778); Zaragoza é tomada polas tropas emirais, pero o secesionismo continúa na zona, o que explicaría a entrega de Girona, Urgel e Cerdaña ós francos.
Durante o goberno do primeiro omeia ten lugar o concilio de Sevilla do 784, que acepta a doutrina adopcionista de Elipando de Toledo (Cristo como fillo adotivo de Deus en canto á súa natureza humana), provocando a afirmación da ortodoxia antiadopcionista no reino galego, e con ela, a ruptura da primacía de Toledo sobre a Igrexa hispana, apoiada por un sector político contrario á colaboración con Córdoba e favorable ó imperio franco.
Hisham I (788 – 796) consolida o dereito coránico, adoptando a codificación malequí como texto oficial e único para os xuristas peninsulares, por influencia de alfaquís (expertos en xurisprudencia islámica) desta escola xurídica.
Baixo Al-Hakam I (796 – 822) aumentan os enfrontamentos cos francos no noreste e as sublevacións internas, obrigando a unha suba de impostos que é causa de revoltas sociais, alentadas polos alfaquís. As dificultades en al-Andalus coinciden co afianzamento da monarquía galega en Oviedo.
En 797 unha rebelión en Toledo é reprimida duramente polo muladí Amrús, enviado por Córdoba, que non impide novos brotes secesionistas na zona en 811 e 829, ca rebelión do ferreiro Hashim. É Amrús tamén, valí de Huesca, quen reprime unha revolta en Zaragoza mais, á súa morte, en 812, os banu Qasi, independentes practicamente na zona antes dos omeia, aliados dos pamploneses, rebélanse contra Córdoba e toman Pamplona, ocupada polos francos, en 816.
Os muladíes de Mérida mantéñense sublevados contra Córdoba entre 805 e 813, ós que se alían os cristiáns emeritenses e os bereberes de Lisboa.
Na propia Córdoba fora abortada en 805 unha conxura dos nobres e os alfaquíes contra o emir por causa dos impostos que, según eles, eran ilegais; a dura represión e o recurso ó mercenariado cristián como guardia persoal aumentou o descontento, lanzando os alfaquíes unha campaña axitadora contra o emir denunciando a súa vida pouco acorde co Corán que estallou no motín de artesáns e comerciantes do Arrabal de Secunda no 818, duramente reprimida.
Tras as dificultades de Al-Hakam, o emirato de Abd al-Rhaman II (822 – 852) é un periodo de maior estabilidade, de centralización administrativa e prosperidade económica, que se reflexa na auxe das construccións públicas. O novo emir busca a alianza cos alfaquís, reducindo o nivel de tolerancia cara os cristiáns, o que provocou dúas tendencias na comunidade mozárabe: a imitación da cultura árabe (maioritaria) e a actitude fanatizada, defensora do martirio, que se reforza ca decapitación pública do clérigo Perfecto por insultar a Mahoma en 850 e ca condena do martirio no Concilio de Toledo de 852.
Abd al-Rhaman enfronta conflictos secesionistas en Toledo, que é practicamente independente dende a rebelión de Hashim (829) ata 837, Mérida, de novo protagonizado por bereberes e muladís, entre 828 e 834, e a revolta de Musa, xefe dos banu Qasi, en Tudela, que se mantén independente, co apoio navarro, entre 842 e 859.
En 844, o saqueo normando de Gijón, Lisboa e Sevilla, leva á colaboración entre al-Andalus e Galicia contra os vikingos e á creación dunha flota andalusí para a defensa costeira, que permite a conquista das Baleares en 848. O apoio de Musa contra os normandos fortalece a súa independencia fronte a Córdoba, mais nunha nova incursión daqueles en 858, que fan prisioneiro ó rei navarro sen que Musa lle preste axuda, racha a súa alianza con Navarra, que o derrota xunto con Galicia en Albelda no 859, aínda que o secesionismo na zona continúa baixo Muhammad I.
Con Abd al-Rhaman II aumenta a arabización de al-Andalus pola gran afluencia de científicos, literatos e personaxes cultos de Oriente, que sustitúen ós mozárabes na administración do emirato.
Ante o fracaso da política represiva de Abd al-Rhaman II contra os cristiáns, Muhammad I (852 – 886) busca o entendemento con estes, liberando ós dirixentes mozárabes detidos polo anterior emir, que persisten no seu fanatismo, dirixidos por Euloxio de Córdoba. Ante o fracaso deste acercamento, Muhammad I ordena a execución de Euloxio en 859; ademais, establece a obriga de conversión ó Islam para os funcionarios emirais, o que provoca a emigración mozárabe cara o norte.
As rebelións secesionistas do goberno de Muhammad teñen en común o apoio galego.
En 852 prodúcese un levantamento en Toledo, apoiado por Galicia. A pesar de ser derrotados polo poder emiral os toledanos e o exército de Gatón do Bierzo que enviara Ordoño I na batalla de Guadalcelete (854), as sublevacións na zona repítense en 876, 886 e 888. No 868 sublévase en Mérida Ibn Marwan, “o galego”, quen, derrotado e integrado no exército emiral, logra fuxir e facerse forte na zona de Badajoz hacia 874, derrotando as tropas emirais en 876 ca axuda de Afonso III. En 877 Marwan abandona Badajoz e refúxase en Galicia, pero volve novamente en 884, manténdose el e os seus fillos independentes de Córdoba ata 929.
Con Al-Mundir (886 – 888) prodúcense unha nova rebelión en Toledo en 888, apoiada polos bereberes de Santaver, os banu Qasi e Galicia, manténdose a cidade independente de Córdoba ata 912 a causa dos problemas que para o poder emiral plantexaba a rebelión de Umar ibn Hafsún en Bobastro, que aglutina as protestas muladís da zona contra os impostos, alentando outras revoltas en Jaén, no Algarve, en Sevilla e Granada.
Con Abd Allah (888 – 912) culmina o debilitamento do poder emiral; á independencia de Toledo, Badajoz e Bobastro únese a rebelión dos tuchibís en Zaragoza en 890, que se manteñen independentes ata o 937, a independencia de Pechina, constituída como república de artesáns e comerciantes, e as revoltas sociais de Sevilla e Granada, dirixidas contra a aristocracia árabe, que se afianzara no poder destas cidades co debilitamento do poder emiral, e que desemboca na independencia de Sevilla en 895.
O emir Abd al-Rhamán III logra entre 912 e 929 a pacificación de al-Andalus e proclámase califa en 929, poñendo fin á dependencia relixiosa (teórica) de Bagdad, como reacción ó movemento fatimí que pretende reunificar o Islam dende o o norte de África.
Despois da cuestionada autoridade de Córdoba durante o periodo emiral o califato representa unha época de prestixio da monarquía teocrática cordobesa, basada no poder militar, de prosperidade económica, acadada gracias ó control das rutas do ouro africano, e esplendor cultural.

BIBLIOGRAFÍA
- MARTÍN, J. L; La España medieval. Historia 16.

Sem comentários: